Labels

21 August 2021

Lembrando a Germán Rey Flores

Germán Rey 

"Árbores na ribeira" G. Rey 1997, 54 x 65 cm

Hoxe, 21 de agosto de 2021, cumpriría 100 anos. 

Lembro ao meu tío Germán rematando unha das súas paisaxes no seu estudio, na entreplanta da casa, traballando coa concentración e a paciencia que a pintura require. Sostendo a paleta firmemente coa man esquerda, misturando as cores e aplicando con precisión e sensibilidade as pinceladas sobre o lenzo. A estancia cheiraba a óleos e a esencia de trementina. Lembro a súa ollada intelixente e sosegada de ollos azuis agrisados. O meu tío era un pintor de campo, de estudio ao aire libre, amante da natureza e da pintura impresionista e postimpresionista, un apaixonado da arte e a cultura en xeral. Tiña predilección pola obra de Camille Pissarro e Alfred Sisley, entre outros mestres da pintura impresionista. 

Viviu unha época difícil, a Guerra Civil truncou os seus estudos. A pesar de todo, compaxinou o traballo coas clases de Figura y Adorno e Matemáticas na Escola de Artes e Oficios de Vigo, onde en 1938 lle outorgaron un 1º Premio en Debuxo Arquitectónico. Tamén acadou o título de Delineación por correspondencia. Emigrou ao Brasil, onde viviu en São Paulo ao redor de 18 anos. Regresou e voltou a emigrar, desta vez a Mallorca. Durante os últimos anos da súa vida dedicouse a pintar paisaxes do Baixo Miño xunto cos seus colegas de oficio, primeiro con Chalo (Gonzalo Lomba Galiñanes) e posteriormente con Xu (Jesús González Álvarez) retratando recunchos da bisbarra guardesa, do Rosal, Goián e Tomiño. Deixounos un 21 de decembro de 2010, aínda conservamos as súas pinturas e o seu amor pola arte e a paisaxe.

"Paisaxe nas Eiras" G. Rey 1991, 50 x 61 cm

"Paisaxe nas Eiras" (detalle)

"Leiras de herba en Goián" G. Rey 1994, 46 x 61 cm

Germán Rey retratado por G. Álvarez (Xu) 1986, 35 x 27 cm

Pintando en São Paulo, 1950


No comments:

Post a Comment